sábado, 24 de diciembre de 2016

SER NAIS E PAIS OBRÍGANOS A VIXIAR A NOSA DECLARACIÓN DA RENDA


 
            Unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid recoñeceulle a unha nai a devolución de 3.135,11 euros por non estar suxeita a tributación ás prestacións por maternidade.

 
            Cando unha é nai, e non me refiro unicamente ao parto, senón tamén á adopción, ao acollemento familiar e á tutela, xérase o subsidio por maternidade, unha prestación que recoñece dezaseis semanas ininterrumpidas de descanso, nas cales se cobra o 100% da base reguladora da traballadora. Á antedita tamén pode acceder ao pai, pois no caso de que ambos proxenitores traballen pode optar a nai por concederlle parte deste dereito.

 

            Ben, ata aquí todo soa a país do primeiro mundo, nembargantes a situación alónxase da realidade en canto observamos a Lei do IRPF e análogas. Na antedita Lei (35/2006, do 28 de novembro) no seu artigo 7 enumera unha serie de rentas que estarían exentas de tributación. Seguimos lendo, e na letra h atopamos a exención ás prestacións familiares reguladas na Lei Xeneral da Seguridade Social. Sabedes que prestación se encontra exenta? A Prestación por Maternidade.

 

            Polo tanto, a Axencia Tributaria estivo ingresando indebidamente cantidades que non estaban suxeitas ao IRPF. Só en nacementos, e segundo o INE, en España naceron cerca de dous millóns de nenos e nenas dende o ano 2012 ata o ano 2015. Podedes imaxinarvos a cantidade de millóns que ingresou esta Administración a conta do contribuínte. Conto só dende o ano 2012,  debido a que os anteriores exercicios estarían prescritos por mor do alcance de catro anos en materia tributaria, e polo tanto xa non son impugnables.

 

            O procedemento para a reclamación dos seus intereses sería o seguinte:

 

1º.- Se vostede vai cobrar a prestación aconséllolle que siga os estándares de tributación da Axencia e a posteriori presente unha Rectificación da Liquidación. Isto é debido a que desta forma vostede non incumpre os seus deberes como contribuínte (coa conseguinte multa) e gárdase o dereito á impugnación.

    Se xa cobrou a prestación, posterior ao ano 2012, presente directamente a Rectificación da Liquidación do IRPF, na cal solicitarase a devolución do tributado en concepto da prestación por maternidade.

 

2º.- Unha vez que presente este escrito sepa vostede que vai ser rexeitado nun prazo aproximado de seis meses, o cal obrigaralle a presentar o escrito de impugnación diante do Tribunal Económico Administrativo Rexional (TEAR) de Galicia, con idéntico resultado e tempo.

 

3º.- Rexeitado no TEAR, terá vostede a posibilidade de acudir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde podería existir a verdadeira posibilidade de éxito reintegrándoselle a cantidade retida.

 

            Un proceso no que existe base suficiente como para intentar pelexalo. Debemos recordar tamén que no caso de que o TSX evacuase a sentenza de devolución  corresponderíanlle tamén os intereses de demora anuales xerados (agora mesmo establecidos en 3,75%) pola lonxitude do proceso. Díganme un banco que lle dea un prazo fixo superior ao 1% anual. A administración casi llo cuadriplica, paréceme unha boa inversión.

 

 

Diego Dourado Fernández

Avogado especialista en Dereito Tributario


Avogados en Betanzos. Primeira consulta gratuita.
Abogados en Betanzos. Primera consulta gratuita.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario